Código ético
A Asociación Galega de Socioloxía (AGS) comprométese a promover unha cultura baseada na ética, integridade, responsabilidade e transparencia, co obxectivo de fortalecer a confianza da comunidade sociolóxica e da sociedade galega na nosa organización. O compromiso ético non só busca garantir o bo funcionamento interno da asociación, senón tamén afianzar a credibilidade da socioloxía como disciplina e profesión.
Este Código establece os principios fundamentais que guían a conduta da AGS e das persoas que a integran, asegurando que as accións sexan coherentes cos valores da sociolóxica.
Principios Éticos
Transparencia e responsabilidade
- Garantir a claridade nos procesos de toma de decisións.
- Informar de maneira aberta e accesible sobre as actividades e acordos da AGS.
- Rendir contas regularmente ante os membros da asociación.
Diálogo e respecto á diversidade
- Fomentar o debate aberto e a pluralidade de opinións dentro da comunidade sociolóxica.
- Respectar as diferenzas ideolóxicas, teóricas e metodolóxicas.
- Defender a liberdade académica e profesional.
Inclusión e participación democrática
- Garantir que todos os membros da AGS teñan oportunidade de participar nas decisións da asociación.
- Fomentar a equidade de xénero e a representación de diversos colectivos dentro da organización.
- Protexer os dereitos e deberes dos socios/as dentro da AGS.
Honestidade e integridade na toma de decisións
- Adoptar unha actitude ética en todos os procesos de goberno da AGS.
- Evitar situacións de conflito de intereses. Se un membro da xunta directiva ou dun comité ten intereses persoais que poidan influír nunha decisión, deberá absterse de participar na deliberación e votación.
- Garantir que os recursos da AGS sexan utilizados con criterios de equidade e xustiza.
Uso responsable da información
- Utilizar a información interna da AGS unicamente para fins lexítimos da asociación.
- Respectar a confidencialidade das deliberacións internas, garantindo a protección de datos e información sensible.
Compromiso coa sociedade
- Promover o uso da socioloxía para o ben común e a mellora da sociedade galega.
- Defender a investigación rigorosa, o pensamento crítico e a ética profesional na análise social.
- Reforzar o papel da socioloxía na construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria.